domingo, 22 de novembro de 2020

CANTO TRABALLAMOS!

Ola familias, despois dun par de semanas desaparecidas/os por aquí, comparto con vós todo o que traballamos, e sobre todo, canto estamos aprendendo e disfrutando deste curso, diferente e raro, pero aproveitando ao máximo cada momento!

GRÁFICA DO TEMPO

Fixemos a gráfica do tempo de outubro, nesta ocasión en gran grupo, por parellas ían saíndo e contando as pedriñas que previamente ordeamos, e coloreando o espazo correspondente. Aproveitamos para afianzar o conteo e relacionar a cantidade con grafía.

GRAFISMO CREATIVO

Nestas semanas adentrámonos no mundo do grafismo creativo, esencial como pre-requisito para a escritura e na que tamén traballamos a creatividade, a atención e a concentración.
  • Comezamos por un grafismo sinxeliño no que colocamos gomets e fixemos círculos de cores arredor deles.
  • Practicamos grafismos sobre unha cartolina na que coloreamos con acuarela previamente. Para facelo fixemos caso do que indicaba a ruleta que temos na aula. Este grafismo aproveitámolo para facer monstros de Samaín.
   

  • Fixemos grafismos a partir dos trazos que seguimos no chan. Cada equipo percorreu un trazo feito cunha corda: liña recta, liña curva aberta ou liña curva pechada. Ao finalizar a corda tiñan un encerado no que representaron o trazo. Finalmente repasamos entre todos, os trazos que fixemos e toda as posibilidades: horizontal, vertical, espirais... e nun folio branco e con rotuladores de cores elas e eles decidiron practicar os que querían, dando lugar a marabillosas obras creativas!

    


LÓXICA MATEMÁTICA

Fixemos varias actividades relacionadas coa lóxica matemática. Unha delas consistía en tirar os dados, contar canto saía en total, buscar a tarxeta do número correspondente e escribilo no encerado. Finalmente cada un no seu sitio, tiña que facer unha torre de centicubos coa cantidade correspondente.
Cando tiñamos varias torres fixemos comparacións: maior que, menor que, igual que, e se as xuntamos?

                                 


E ata aquí a entrada de hoxe. Apertas!

mércores, 11 de novembro de 2020

CORONAMAGOSTO

 Ola de novo, a semana pasada foime imposible compartir actividades, queda pendente unha entrada para contarvos o que traballamos! 

Hoxe comparto por aquí unha receita do biscoito de castaña. Este venres sería o Magosto no cole, e faríamos festa rachada tod@s xuntos...pero a pandemia de novo nolo impide. Aínda así, propoñemos que os nenos e nenas traian de merenda castañas: cocidas, asadas ou... EN BISCOITO!


Se vos animades a facelo, non esquezades mandarme fotos do proceso e resultado! 

BICOS!


domingo, 1 de novembro de 2020

SCAPE ROOM DE SAMAÍN

 Ola familias! Como moitas de vós xa saberedes, esta semana estivemos inmers@s no Samaín. 

O luns, ao chegar ao cole tivemos un vídeo un tanto estrano dun tal "Cerebro Carmelo" (que fixen coa axuda da app Toppy) e que nos dicía que nos traía unha sorpresa, era un pedazo regalo que gardou cun candado para non perder os paquetes; pero con tanta información gardada esqueceuse dos números, así que para conseguilos tivemos que superar 4 probas cada un de nós!

Fomos facéndoas cada día, no recuncho que nos tocaba.

No recuncho sensorial e de lectoescritura tiñamos que rescatar as letras da mesa sensorial de Samaín e ordealas correctamente para formar palabras de outono.


No recuncho simbólico e de lóxica, coa axuda dunhas pantasmas feitas con vasos de desfeito tiñamos que encestar, ao menos, 4 pompóns.

No recuncho de plástica, tiñamos que axudarlle á araña a refacer a súa tea con diferentes cores, e despois podiamos decorala pintándoa ou con grafismos.


En finalmente, no recuncho de construcións, tiñamos que resolver o labirinto, axudándolle á bruxa a chegar á súa escoba. Na segunda parte deste reto tiñamos que formar o noso propio labirinto, fixemos creacións marabillosas! 


E como xa sospeitaríades, fomos capaces de superar todas as probas perfectamente! Así que o venres, despois do desfile de rigor de Samaín, tratamos de descifrar o código do candado, e en canto o puidemos desbloquear, abrimos todos os paquetes! Encantáronnos!!

Despois de escoitar con atención o conto de Carabuñas, un dos nosos preferidos, fixemos en dous grupos un par de puzzles. Son enormes, tan grandes como algúns de nós! E despois do recreo, apagamos as luces e vimos que o esqueleto brilla na escuridade, e así ás escuras, fomos recordando e sinalando todo o que aprendimos do sistema óseo. 

BO SAMAÍN!